Tuesday 21 de May de 2024

Ángeles Vazquez visita o inmoble adquirido polo concello de Oza-Cesuras que se destinará a vivendas de promoción pública tras a súa rehabilitación


Pon en valor o compromiso do municipio coa recuperación do xa construído, que é fundamental para a veciñanza, xa que vai vivir en contornas máis amables e con mellores servizos, e para a imaxe de Galicia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o inmoble adquirido polo Concello de Oza-Cesuras, co obxectivo de destinalo a vivendas de promoción pública tras a súa rehabilitación.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Pablo González, a vicepresidenta segunda puxo en valor o compromiso do concello coa rehabilitación e coa recuperación do xa construído, que é fundamental para as nosas vilas e para a imaxe de Galicia, pero, sobre todo, para a veciñanza, xa que vai vivir en contornas máis amables e tamén con mellores servizos.

Este edificio, que leva abandonado 10 anos, localízase no núcleo de Oza dos Ríos e conta cunha superficie útil mínima de 1.000 metros cadrados, de tres alturas e dúas plantas de soto. A previsión é dotar o municipio dun mínimo de nove vivendas con rochos e garaxes, que serían adxudicadas en réxime de alugueiro.

Foi adquirido ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, que consiste na concesión de préstamos sen xuros para adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. Os municipios deberán reintegrar a contía do préstamo nun prazo de 8 anos.